Características

1. Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra son os froitos pertencentes ao ecotipo da especie Capsicum annuum, L. cultivado tradicionalmente na zona de produción, procedentes de parcelas inscritas no correspondente rexistro.

2. As plantas deste ecotipo son de consistencia herbácea, moi ramificadas, porte mediobaixo, que chegan a acadar uns 60 ou 80 cm ao aire libre. Son de ciclo semiprecoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración.

3. O froito é apañado en verde, en estado inmaturo intermedio para a súa comercialización en fresco, e debe presentar as características seguintes:

  • Forma: regular, alongada, cun casco e 3 ou 4 costelas e sen nervaduras importantes.
  • Peso: entre 100 e 200 gramos/unidade.
  • Lonxitude do froito: entre 10 e 20 cm.
  • Largura da base: entre 6 e 8 cm.
  • Forma do ápice: picudo ou arredondado.
  • Sección transversal con 3 ou 4 lóbulos.
  • Pel: lisa e brillante, de cor verde clara con tonalidades case amarelas.
  • Espesor da parede ou carne: entre 6 mm e 8 mm.
  • Cata: sabor doce, sen picor debido á ausencia de capsicina e cheiro de intensidade media.

4. En valores medios, os froitos presentan unha humidade do 93 % e 1,3 g de proteína por 100 g sobre peso fresco.