Comercialización

O período de comercialización estará comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de outubro. A consellería competente en materia de agricultura, por petición do consello regulador e co informe favorable do órgano de control e certificación, poderá alongar ou acurtar este período cando, en razón das circunstancias climáticas da temporada, as características do produto así o aconsellen.

A comercialización dos pementos amparados será en lotes homoxéneos en canto á calidade, estado de madurez e coloración.

A presentación realizarase en bolsas de malla con pesos de 1 kg a 5 kg, ou en caixas de cartón con capacidades de 5 kg a 10 kg.

Poderanse establecer outras formas de presentación cando se comprobe que non afectan negativamente a calidade do produto.

Co obxecto de obter un produto de calidade superior, os pementos acollidos á indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra serán sometidos a unha esmerada selección e deberán presentarse:

  • Enteiros e firmes.
  • Coa forma, desenvolvemento e coloración normais da variedade, tendo en conta o estado de madurez.
  • Sans, excluíndo os produtos podres ou que presenten outras alteracións que os fagan impropios para o consumo.
  • Exentos de manchas.
  • Limpos e exentos de materias estrañas visibles.
  • Provistos de pedúnculo.
  • Exentos de humidade exterior anormal.